A torre é a única parte que queda do antigo mosteiro beneditino de San Cipriano de Cálogo, fundado por San Fructuoso no século VII. O mosteiro foi destruído polas incursións normandas nos séculos IX e X.
De base cadrada, está formada por sillares de granito e na parte superior hai parte dunha espadana con dous arcos de medio punto na que habería outras tantas campás. Tamén se conservan restos dunha escaleira exterior, dende a que se accedería ao campanario.
A torre está situada na parte máis alta do terreo, non presenta ningún tipo de elemento decorativo e estaba separada do resto das edificacións, polo que todo parece indicar que se trataba dun edificio defensivo construído para dar conta da presenza. de invasores que chegaran por mar. Deste xeito, formaría parte dun sistema defensivo máis complexo no que se integrarían as diferentes torres e fortalezas existentes na costa, culminando na fortaleza e Torres de Oeste.
Recentemente localizouse un documento do ano 884 no que se recolle unha doazón ao mosteiro e no que se fai mención expresa aos peregrinos a Santiago de Compostela, sendo a referencia máis antiga, ata a data, do Camiño de Santiago na Comarca.