Torre de Guimarei

É unha torre do s. XIII, de planta cadrada que constitúe os últimos restos dun castelo medieval destruído polos ataques irmandiños no s. XV, como a maioría dos castelos medievais de Galicia.

A Torre de Guimarei está considerada como o conxunto torre-pazo máis representativo da Estrada.

A súa altura ronda os 15 m e as súas paredes son grosas. Presenta ocos a ambos os dous lados e na parte superior de cada esquina a figura dun canón de pedra sobresaínte, como unha gárgola. Construída con bos sillares que forman amplos muros, propios dunha construción defensiva medieval.

A carón da Torre de Guimarei atópanse os restos do Pazo de Guimarei construído no século XVII, e o seu primeiro habitante foi o señor de Villar de Payo Muñíz, Antonio de Mosquera Nóvoa (1589), fillo de Alonso Vázquez Valcárcel e dama da Granxa de Nogueroa, Luisa de Novoa Ulloa.

As dimensións do pazo alcanzan os 34 m de lonxitude, nos que aínda se conservan as estancias interiores como a cociña, estancias e outros espazos.

Na porta principal do pazo hai un escudo onde se ven dúas inscricións que din “Villar” e debaixo do frontón circular hai un escudo ben labrado coas armas dos Villar, Samiento, Mosquera e Aranda.

Este escudo está relacionado con Luis Francisco Mosquera, Villar y Aranda, terceiro marqués de Aranda de Quintanilla e terceiro de Guimarey, Cabaleiro da Real e Distinguida Orde de Carlos III e membro do Real e Supremo Consello de Indias (século XVIII).